miércoles, 9 de julio de 2014

Seremos libres

"Chegar a convencer a moita xente de que pensa 'como todo o mundo', creando unha falsa impresión de unanimidade", Joseph Goebbels, Ministro de propaganda nazi

Ás veces asusta a facilidade coa que empregan a palabra liberdade certos sectores da prensa. É unha palabra bonita: liberdade. Xa non só polo que significa, se non por esa conxunción de letras que é a raíz de outras como libre, liberación ou libertarios.
A todos nos gusta sentirnos libres mais, outra cousa é que o sexamos.

Erich Fromm, destacado filósofo humanista alemán, dicía no seu "El miedo a la libertad" que somentes somos libres cando somos cativos. Cando non nos vemos influenciados por unha corrente social que nos obriga a actuar como esa mesma sociedade dicta para non sentirnos apartados do grupo. A medida que medramos vémonos sometidos ós dictames sociais que nos obrigan a vestir deste xeito, a consumir determinada música, a ver X películas -que non películas X- e a adquirir unha moral preestablecida que determinará a nosa escala de valores e a diferenciación entre o ben e o mal. Todo o que se saia do marxe, pois, será tachado de raro, inusual, estraño.
Recoñezámolo agora, que aínda estamos a tempo: ninguén é como di ser.

Pero non nos sintamos culpabeis. Somos como flores murchas levadas pola corrente do río. É lóxico non querer sentirse fóra; non verse marxinado, non pertencer ó colectivo. Rexeitar a protección que ofrece a comunidade. E aínda que así fose o noso desexo tampouco o teriamos moi fácil. Convértese nunha tarefa case imposibel non vestir á moda: de seguro que se quixeramos vestir pantalóns con campá non os atopariamos moi facilmente, e de atopalos, pronto seriamos tachados como demodés e estrafalarios. Tamén é complicado escapar das radiofórmulas, dos hits lixeiros que inundan as emisoras de radio e as canles musicais. Os que consumimos outros xéneros, como algún dos centos de subxéneros do Rock ou que simplemente disfrutamos máis escoitando un grupo de fai corenta anos que un actual, somos frikies e raritos. Coa mesma facilidade coa que te poñen a etiqueta te expulsan do "grupo", ¿quen quere ser o raro, o friki, o estrafalario do que todos falan?.
Agora ben. Se a Inditex se lle mete no fouciño o pantalón con campá, pasarás de demodé a moderno tan axiña que cando queiras darte conta xa serás un máis. Benvido ó grupo de novo. ¿Quen move os fíos aí arriba, nesa cúpula que decide por nós?.

Comezaremos a ser libres cando sexamos conscientes de que non o somos.