sábado, 16 de noviembre de 2013

Chapapote nas mans

"Salen unos pequeños hilitos, hay cuatro en concreto, los que se han visto, cuatro, regueros, me dicen, regueros solidificaos, con aspecto de plastilina en estiramiento vertical", 2002, Mariano Rajoy, experto medioambiental

11 anos despois da maior catástrofe medioambiental que sofreu Galicia en toda a súa existencia moitos de nós aínda seguimos a pensar que en calquer momento pode ocorrer de novo.

Urquiola, Casón, Mar Egeo... a historia das nosas costas está ateigada de moitos nomes propios e un mesmo final. Independentemente da factura total en cada un dos casos, o galego acostumouse a ver afundir barcos dun xeito case cíclico. Xa fose fuel, petróleo ou compoñentes químicos varios, o noso mar vive exposto, e como se pode extraer da sentenza do xuízo do Prestige, ás diferentes "circunstancias" que fan naufragar buques e que, en todo caso, eximen de calquer responsabilidade penal ó governo de turno. E o que nos queda.


Unha alca divírtese xogando con plastilina
(Fonte: webs.uvigo.es)
O Prestige, un buque monocasco liberiano que operaba con bandeira das Bahamas, cargado ate as cellas de fueloil, sofría o 13 de setembro de 2002 unha vía de auga provocada por un temporal que posteriormente o 19 dese mesmo mes provocaría o afundimento do barco. Nese mesmo intre, case sen tempo para a reacción, os nosos dirixentes poñíanse mans á obra para paliar o máximo posibel os efectos do inevitabel afundimento. Eran tempos para ousados e valentes. O noso ministro de Fomento, Álvarez Cascos, optou por irse de cazaría a Lleida. Por outro lado, o noso ínclito don Manuel, prefería facelo en Aranjuez. O noso Presidente por aqueles tempos, Ánsar, moi atarefado poñéndolle o cú ós americanos con asuntos internacionais varios, delegou nun novo Padawan chamado Rajoy, que tardou en recoñecer a magnitude da catástrofe equiparando os verquidos a simples "hilillos de plastilina". Si, esta vergoñenta tropa era o noso equipo A.
Pero non foron os únicos. Federico VivaHonduras Trillo, daquela ministro de Defensa, tiña preparados os F-18 por se, chegado o caso, fose necesario bombardear o Prestige. López Sors, por aqueles tempos director xeral da Mariña Mercante, foi quen decidiu remolcar o buque lonxe da costa ante a negativa do capitán, Apostolos Mangouras, quen foi o único condenado -por desobediencia, ollo- e que, curiosamente, ate o día de hoxe foi o único que pediu desculpas polo dano causado. Grazas, pero tarde.

O resultado final non puido ser máis desvastador. 63.000 toneladas de fuel esparexéronse pola costa, un chapapote que prohibiu a pesca durante meses -causando perdas millonarias- e milleiros de aves e distintas especies marítimas víronse afectadas pola contaminación producida. A marea negra cubriu máis de mil quilómetros de costa, afectando a, ademáis de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e o sudeste de Francia. A inofensiva plastilina de Mariano Rajoy provocou perdas do redor de 4.000 millóns de euros e incontabeis danos ecolóxicos e medioambientais. Aínda hoxe, once anos despois, descoñecemos os efectos negativos a longo prazo que poden padecer os máis de cen mil heroes que participaron voluntariamente na limpeza das nosas costas, aínda que o que si sabemos é que moitos deles, cinco anos despois, seguiron sufrindo problemas respiratorios. Un estudo dun grupo de investigadores da Universidade da Coruña, no que expuxeron a un conxunto de roedores a un fuel semellante ó do Prestige, confirma que a exposición ó combustibel por inhalación causa danos no material xenético. E ben, ¿quen vai pagar esta factura?.

Dicía López Sors, no xuízo pola catástrofe, que afastar o 'Prestige' da costa foi a "mellor decisión" que se podía tomar. Á vista do resultado anteriormente exposto, preguntámonos: se esta foi a mellor decisión e, por ende, os efectos causados foron os mínimos que podiamos padecer, ¿de que consecuencias medioambientais poderiamos estar falando hoxe se a decisión chega a ser outra?. Non somos mariñeiros, nin pescadores nin enxeñeiros, pero unha cousa temos clara: se cagas enriba dun ventilador acendido a merda pode chegarlle ó veciño. E así foi.


¿Es un pájaro?, ¿es un avión?, ¡No, es... MarianononianoMAN!
 (Fonte: elconfidencial.com)
Hai unhas semanas coñeciamos a sentenza de Estrasburgo sobre a doutrina Parot que determinaba que a devandita doutrina aplicada con carácter retroactivo vulneraba o Convenio Europeo dos Dereitos Humanos. A Constitución española -esa cousa que, segundo Margallo, ministro de Asuntos Exteriores, agás dous artigos "es literatura"-, no seu artigo 9 especifica que "La Constitución garantiza (...) la irretroactividad de las disposiciones sancionadoras no favorables o restrictivas de derechos individuales(...)". Debates morais aparte, semella evidente que a xustiza española vulneraba coa doutrina Parot non só o Convenio Europeo dos Dereitos Humanos, se non tamén a súa norma suprema. Vivir nun estado de Dereito, coas súas Leis e decretos, ten estas cousas, que tes que cinguirte a elas. A de xulgar con retroactividade, á parte de vulnerar a DUDH, pode convertirte nun Estado dun 'vale tudo' perigoso. 

Pero, ¿que terá que ver a doutrina Parot co Prestige?


Pouco tempo despois de coñecer a sentenza do TEDH, diversos grupos e asociacións de apoio ás victimas do terrorismo convocaban unha concentración en Madrid pedindo xustiza a favor da doutrina Parot. Horas antes, Mariano Rajoy declaraba en Bruxelas que a sentenza era "injusta y equivocada", aínda que debía "respetar" a decisión de Estrasburgo. Porén, e aínda desvinculándose da concentración promovida por, entre outros, a AVT, era o seu partido quen pouco despois emitía un comunicado onde manifestaban que "El PP se suma a la manifestación de las víctimas del terrorismo", e instaban a "todos los militantes y simpatizantes del partido a que acudan". ¿De que maneira podes, pois, respectar a sentenza dun tribunal e sumarte á manifestación en contra desa mesma sentenza?.

Non se critica a dor e indignación das víctimas, pero si o proceder. A culpa, en todo caso, non será do Tribunal de Estrasburgo por aplicar o sentido común; será dos diversos governos españois que no canto de modificar unha lei dos tempos do franquismo, empregaron parches con carácter retroactivo.
Como un mal chiste, macabro e funesto, o 13 de Novembro de 2013, xusto 11 anos despois desa vía de auga que provocaría o afundimento do Prestige, coñeciamos a sentenza cruel e inxusta que absolvía de toda culpa medioambiental ós tres imputados, entre eles o ex Director xeral da Mariña Mercante, López Sors. O que debemos entender entre liñas, pois, é que a culpa foi do temporal. Ou do mar. Ou da chuvia. Ou de Neptuno, Deus grego do mar, que na súa grandiosidade foi incapaz de evitar que o buque afundise. O Prestige pasará a historia non só por ser unha das maiores catástrofes medioambientais da navegación, se non tamén por ser un dos poucos desastres que se salde sen responsabeis. E o PP, que nesta sentenza tiña moito que perder, considera que o fallo demostra a súa correcta e adecuada xestión, e chama á cidadanía a respectar a decisión final. Mais, ¿por que se autoinfrixen tanta presión?, ¿por que se consideran os únicos imputados?, ¿por que respectan unha sentenza que non condena a ninguén no caso da maior catástrofe medioambiental do Estado, cando outros, non só eles, podían concorrer en culpa?, e sobor de todo, despois de saber que o suposto "fallo estructural" que afundiu ó Prestige coñecíase dende 1996. 
Tomárono polo persoal. Por algo será.

¿Atopades xa as similitudes?



Mangouras, capitán do buque, lamenta o afundimento do Prestige. Ó parecer deixouse a carteira no camarote.
(Fonte: elperiodico.com)
E namentres, os galegos asistimos atónitos ó desenvolvemento dos acontecementos revivindo antigos e escuros sentimentos. Sabemos que hai responsabeis, e sabemos tamén que teñen as mans luxadas dun chapapote tan negro como a súa alma.