sábado, 6 de julio de 2013

El concepto es el concepto, Maruxiña

"La segunda, ya tal...". Mariano Rajoy Brey regateando. 28/06/2013


¡Última oportunidad!, si te compras ahora esta televisión Panaponic te regalamos un presidente, ¡yo no soy tonto!

Si, amigos, este é o noso presidente. O que se agocha detrás dunha pantalla de televisión. O que sae pola porta de atrás e... la segunda, ya si tal. A nosa clase política está enferma, agoniza e pide a eutanasia. Padece unha enfermidade que semella endémica na súa rama, potenciada polos hooligans da verba escrita e falada que inundan os debates televisivos e as crónicas xornalísticas.
Se este fose un Estado normal, estaríamos nas prazas, mais o de Vilalba tiña razón. Spain is different. Para todo.

O noso presi ten moita clase, iso é innegabel. É o Lionel Messi do Parlamento: como finta, como regatea, como deixa sentados ós xornalistas. E por se fose pouco, tamén tivo un papá que lle levou os cartos e non os declarou. E el, supostamente, tampouco sabía nada.
É o mestre do falar e non dicir ren; o taxista da verba; o home da "línea de crédito en condiciones ventajosas". A hemeroteca, moi puta ela, deixa en calzóns o máis pintado. Por todos son coñecidas as súas falsas promesas e o suposto momento do cambio. Súmate, dicía.
Mais non seremos nós quen fagamos un post enumerando as súas mentiras. Hai vídeos en youtube, entradas no 85% dos blogs e unha memoria colectiva plasmada nos muros do facebook. Si, ese lugar onde nos manifestamos sen movernos do sofá. Canto dano fixo Mark Zuckerberg á revolución social.

Pero non nos enganemos. A clase dirixente é o espello da sociedade á cal governan; neles reflectímonos todos, nos seus actos e nas súas verbas. ¿Ou é que non fixemos algún arranxo na casa e non pagamos o IVE?, ¿será que nunca traballamos en negro, ou cobramos parte da nómina nun sobre ysitehevistonomeacuerdo?, ¿e ese día que non fumos traballar porque, porque... e ese día que non fumos traballar?. A diferencia atópase na escala, única e exclusivamente, e semella que estamos rozando unha liña perigosa. O ibérico interiorizou a corrupción como elemento autóctono. A novela picaresca inventámola aqui.
Mais, ¿por que nos indigna agora máis que nunca a corrupción política?, ¿que diferencia hai, aparte da época, entre Filesa e a Gürtel, ou os sobres de Bárcenas co Caso Roldán?. A diferencia reside en que antes eramos ricos. Ou iso pensabamos.

Se uns parágrafos máis arriba diciamos que a nosa clase política estaba enferma, agonizaba e pedía a eutanasia, e un pouco máis abaixo concretabamos que os nosos dirixentes eran o espello onde se reflectía a sociedade á cal governaban... ¿podemos dicir entón que a nosa sociedade está enferma, agoniza e pide a eutanasia?. A nosa sociedade está débil e tirou a toalla. A clase política está enferma, mais, teimuda ela, loita por sobrevivir, ¿por que será?.

Se este fose un Estado normal, agora estariamos tomando as prazas. Pero aqui estamos nós, alentando a revolución dende blogspot.


Velaquí a insigne expresión dun español comodiosmanda, valente, emprendedor e triunfador . Maldito país de envexosos.
O día no que o noso presidente lle fixo unha lambreta á dignidade política, o xornalismo patrio non fixo máis que rir. Tan só hai que ver as imaxes para comprobar incrédulo a reacción dos xornalistas ali reunidos. Acto seguido, Mariano, convencido de superar o asalto, resoprou para os seus adentros e pensou, "safé. No sé cómo, pero safé". O erro, de entrada, foi darlle a posibilidade dunha segunda pregunta. Se xa tende a dispersarse, para canto máis darlle motivos. E segundo. ¿Por que non insistiron?, ¿por qué deixaron a cousa correr e limitáronse a rir?. Que se vexa obrigado a contestar, aínda que non o leve escrito nun papel. Porque outra cousa non, pero do que si estamos seguros é de que Mariano, cando menos, sabe ler, aínda que de comprensión lectora ande curtiño, ¿que ocorrería se os asesores do Presidente se quedasen sen tinta na impresora?. Estado de alarma. Mínimo.

El concepto es el concepto. Aínda que non o entendamos moi ben.