miércoles, 12 de junio de 2013

O opio debe millóns

"Mucho que decir y poco que contar". Arsenio Iglesias, Maio de 1994.


Maradona e Goikoetxea na final de Copa do 84 practicando os bailes de 'Fama', serie da que eran moi fans
Dicía o bo de Arsenio, o zorro de Arteixo, o home da defensa de cinco, do esixido Huapaya e de verba sinxela e mirada humilde, que a derrota humanizaba. Dicíao nunha época onde o fútbol era un deporte de homes de pelo en peito, mestos mostachos e melenas rebeldes, aínda que non sempre se cumpriran estos tres axiomas á vez -e se non, que lle pregunten ó mítico Tato Abadía-. O concepto de 'metrosexual' naqueles tempos significaba unha unidade de lonxitude relativa ó sexo. Ou un tren eléctrico subterráneo erótico. Os xogadores coñecíanse polo apelido e o fútbol era patrocinado por Ponche Caballero e viños Osborne. Efectivamente; non era lugar para cobardes.

Ben sabedes que no programa non acostumamos a falar de fútbol. Nos medios comerciais abundan debates, tertulias, crónicas e noticias. Os programas máis vistos son os de deporte fútbol. O xornal de máis tirada é deportivo. Inclusive, certa cadea de televisión adica nos seus informativos cinco minutos máis á actualidade deportiva que á información xeral. Estamos intoxicados, envelenados e contaminados. E estamos en crise, que tamén inflúe.
¿Que ten, pois, un deporte onde 22 tíos en pantalón curto perseguen un balón?.

Tampouco queremos enganar a ninguén. Moitos de nós somos afeccionados ó Deporte Rei, algúns incluso somos socios de clubes deportivos. Alimentamos á besta que criticamos. Exercemos a hipocrisía que tanto denunciamos. Mais entoamos o 'mea culpa' cunha man levantada e a outra no corazón. Somos débiles e caímos na tentación, somos víctimas, ningún xuíz nos condearía.
Moitos pregúntanse, coa culpabilidade reflictida na faciana, se ter conciencia social é incompatibel co amor ás cores dun equipo de fútbol. Nós preferimos preguntarnos por qué ten que ser incompatibel. O deporte e especialmente o fútbol, alén do negocio que representa, significa pertenza, conectividade, colectividade e sana rivalidade. O problema vén, como en tantas outras cousas, cando a árbore nos impide ver o bosque. E iso é o que criticamos.

Un amigo do programa comentaba un día o contrasentido do último anuncio de David Villa para Unicef. Nel, podiamos ver ó xogador do F.C. Barcelona animándonos a loitar contra a desnutrición infantil en África. O noso compañeiro apuntaba, non exento de razón, que resultaba paradóxico que un xogador de fútbol pedise axuda para os mesmos nenos que lle cosían as zapatillas coas que xogaba, dunha multinacional feroz e máxima expoñente da explotación infantil.
O certo é que non temos moi claro en que momento o fútbol se converteu en negocio. Se cadra foi cando televisaron o primeiro partido, dando paso á publicidade. Ou cando David Ginola, o primeiro 'futbolista anuncio', dixo iso de "porque yo lo valgo". Ou máis ben, alá polos primeiros anos dos 90, unha modificación na lei permitía que os clubes de fútbol poideran converterse en sociedades anónimas deportivas, transformando un simple clube deportivo nunha sociedade mercantil.
O que si sabemos, ou mellor dito, sabemos a medias ou o que nos queren contar, é que os clubes de fútbol españois débenlle a Facenda máis de 750 millóns de euros. Alén de esixir o reembolso inmediato do diñeiro adebedado, o Estado, unha vez máis, mira cara outro lado, facendo gala dunha permisividade pouco frecuente noutros ámbetos da vida. E por se fose pouco, a Lei Concursal á cal poden acollerse os equipos de fútbol proporciona quitas de, nalgúns casos, máis do 50% na cantidade total a pagarlle ós acredores. O opio debe millóns e Facenda somos todos. Mais á clase dirixente non lle interesa destruír o circo, que non están as cousas como para unha nova Guerra Civil.
Nós, como afeccionados ó fútbol, esiximos trato de igualdade para todos. Malia que iso implique que o equipo dos nosos amores corra o risco de desaparecer.


Maradona e Julio Alberto nun partido contra as drogas. Deles, os seus coñecidos dicían que eran persoas coherentes e consecuentes
O Estado español conta con seis millóns de parados, gran parte da súa clase política está corrupta e o Xefe do Estado e familia navegan entre escándalo e escándalo. Mais, tranquilos todos. Onte gañou la Roja. Dende San Vicente de la Barquera ate Cádiz, de Alcuescar a Elxe, hai un sentimento que une a todos por igual... aínda que nós, chamádenos tolos, somos da opinión de que España molaba máis cando perdía... ese penalti de Raúl que mandou ó párking do Breydelstadion contra Francia na Euro do 2000; a cantada de Zubizarreta contra Nixeria no Mundial do 98; esa tarde do 9 de Xullo de 1994 na que Julio Salinas esqueceu por dous segundos como se xogaba ó fútbol... Amigos da conspiranoia, a crise comezou o mesmo ano en que Casillas levantou a Eurocopa. A relación causa-efecto semella clara. O que non temos moi claro é, cal é a causa, e cal o efecto.

Ains. Que volvan os mestos mostachos e as melenas rebeldes, se non é moito pedir.