lunes, 13 de mayo de 2013

Tú no te quejes que por lo menos tienes trabajo

"Si, un contrato temporal a media xornada facendo corenta e pico horas semanais"

Nos tempos de Franco si que se vivía ben, que ninguén protestaba nin se facían folgas, non como agora.
Ocorre moitas veces que non somos conscientes da persoa que temos diante á hora de falar. Xa sexa por descoñecemento, despiste ou, directamente e sen andarnos con formalismos, por foder esquecemento (mal)intencionado. Imaxinádevos que levades dúas semanas comendo sopas de sobre, colledes un avión, viaxades ate Somalia, parades o primeiro rapaz que se vos cruce por diante e lle dicides, "estou farto de comer sopas de sobre". 
Ocorre tamén que o interlocutor ó cal nos diriximos padece dunha sensibilidade a flor de pel. Sensibilidade a e por si mesmo, of course. Recoñecerédelo porque ela/el sempre está peor ca ti, traballa máis ca ti, o putean máis que a ti e cobra menos, moito menos ca ti. En castelán esta patoloxía coñécese como o "yoísmo", e tódalas frases comezan con un "es que yo", "pero yo" ou "pues yo más/menos (iso xa depende da ocasión)". Un consello: nunca, baixo ningún concepto, te queixes diante del.

Nos tempos que corren -frase rancia onde as haxa-, cunha crise que nos afoga e cunha cifra de parados que vai camiño de ser insostibel, este último grupo anteriormente descrito reprodúcese como as esporas. A quen non lle pasou algunha vez, nunha tertulia en calquer bar ou na sobremesa de calquer comida familiar, a situación que sempre remata co título desta entrada: "tú no te quejes, que por lo menos tienes trabajo".
Si, tes razón. Ti estás peor ca min, non cho discuto, pero a túa desgraza non é inversamente proporcional a miña felicidade. Que ti estés mal e vaias a peor, non significa que eu vaia ben e vaia a mellor. Ti non tes traballo; eu teño un traballo de merda. Non me critiques por queixarme; queixémonos os dous á vez, protestemos e saiamos á rúa a compartir o noso malestar cunha xeración que ou non ten traballo, ou ten un traballo de merda e 0 futuro, ou ten que emigrar para poder levarse á boca unha mísera sopa de sobre.
En definitiva: transformemos mala hostia en reivindicación. Non te pidas outra caña e te cagues na nai que pariu Grecia e a súa polis. Érguete.

En Bangladesh tamén tiñan traballo. Que non se lle ocorrera a ninguén queixarse, aínda por enriba.
Pode que ti, querido lector e oínte, sexas un desos parados de longa duración. Ou quizáis teñas un traballiño, mal pagado, cun contrato temporal, facendo máis horas das que pon o teu contrato e, por suposto, sen cobrar esas horas extra. Por proporción, o máis seguro é que pertenzas ó primeiro grupo. Pois tendes que saber que nin os dun lado nin os do outro sodes inimigos. Sodes víctimas dunha estafa á cal lle chaman crise económica.
A maquinaria propagandística dos governos é brutal por necesidade. Controlan os medios, xa sexa directa ou indirectamente, no medio público estatal ou a través de medios privados untados ate as cellas presididos por xornalistas empresarios feroces e insaciabeis. Dun tempo a esta parte, por exemplo, a culpa da crise é dos funcionarios. Que si hai cientoylamadre, que se son unha panda de vagos, que se fichan para tomarse o café... de acordo, haberá de todo, como na empresa privada... ¿pero de verdade teño que crerme que o pufazo de Bankia é motivado polo "exceso" de funcionarios?. E o malo é que esos mensaxes calan na sociedade ate converterse en dogma de fe, e o político de turno contento. Que a árbore non nos impida ver o monte; abramos os ollos: este clima de división somentes lles favorece a eles. Non deixemos flancos sen vixiar, non desviemos a atención, porque será no oco libre onde entrarán con todo e nos collerán por sorpresa.

Hai uns días soubemos que un edificio en Bangladesh onde se atopaban centos de explotados traballadores derrubouse levándose consigo a case 400 persoas. Posteriormente, rasgando un pouquiño, saberiamos tamén que nese edificio traballaban para empresas textís occidentais nunhas condicións case infrahumanas. Se abrides os vosos armarios e mirades na etiqueta das vosas camisolas, veredes un "Made in Bangladesh" en moitas delas. Sabemos que é difícil non ser cómplice desa explotación xa que, mercando a súa roupa e creando demanda, somos cómplices (in)directos, mais cando menos, algunhas cousas si podemos facer. Primeiro e o máis obvio e complicado, tentando non mercar esa roupa. Segundo e case obrigatorio, non esquecernos nunca, crear conciencia e loitar activamente.

¿Que vos parece se saímos todos dunha vez a queixarnos un pouco?.

No hay comentarios:

Publicar un comentario