sábado, 18 de mayo de 2013

Tú eres un separatista sectario, yo soy un buen patriota español

El gallego, pa las vacas


Unha imaxe dun partido do Real Madrid en 1969. Hoxe en día, as bandeiras de San Xo... ah, non, que esta foto é actual.
Hai uns días, con motivo do partido de Liga que enfrontou ó Valladolid co Deportivo, soubemos por boca dos mesmos afeccionados deportivistas que a seguridade do José Zorrilla prohibiu a algúns dos siareiros entrar ó estadio con estreleiras galegas. Se o caso xa é denunciabel per se, polo simple feito de coartar a liberdade de expresión das persoas, é dobremente grave cando estos mesmos siareiros confirmaban que no estadio podían verse bandeiras españolas co poliño de San Xoán ondeando como se nada. E nós dicimos... xa que nos poñemos a prohibir, ¿por que non prohibilas todas?.
Supostamente, o argumento que empregaban os traballadores de seguridade era que as estreleiras "incitaban á violencia". Por esa regra de tres, temos que supoñer que o poliño na bandeira española, para estes elementos, debe incitar ó ecoloxismo. No problem pois.

Lonxe xa da "una grande y libre" -e menos mal, déixao ir-, os vestixios daquela época aínda perduran nos nosos días. Nas nosas rúas; nas nosas prazas; nos nomes dalgúns edificios públicos; e por que non, en certos medios de comunicación -chamémoslles neocons liberais, para que non se enfaden-. A Lei de Memoria Histórica, aprobada no Parlamento en 2007, establece, entre outras cousas, que "los escudos, insigniar, placas y otros objetos o menciones conmemorativas de exaltación personal o colectiva del levantamiento militar, de la Guerra Civil y de la represión de la dictadura deberán ser retiradas de los edificios y espacios públicos", o que para algúns, adoradores de tempos pasados e perfumados en alcanfor, constitúe un "atentado" á historia máis recente de España. Si. Estamos de acordo en que non debemos esquencer o noso pasado. Que todos o coñezan, que os nosos nenos o aprendan. Que saiban que durante case 40 anos nos governou un anano con voz de pito que conqueriu o poder a través das armas, deixando tras de si 150.000 mortos. ¿Cómo era aquilo de que un pobo que non coñece o seu pasado está condeado a repetilo?, pois iso. Historia para todos.
Agora ben. Partindo da base de que que poñan o teu nome a unha rúa significa recoñecemento, distinción e gratitude, ¿que lle temos que agradecer ó Comandante Barja ou ó General Mola, aínda que mole o seu apelido?. E sen ir máis lonxe: ate o 2008, Juan Canalejo tiña o privilexio de poñerlle o nome ó hospital da Coruña, un home famoso polas súas accións terroristas e por facer tragar gasolina e aceite de ricino as súas víctimas. Bravo. Xa postos, ¿por que non lle trocamos o nome ás escolas infantís 'galiña azul' por 'Garderías Herodes'?

Voltando á teima da bandeira, é moi habitual que nas discusións sobre a legalidade ou ilegalidade das bandeiras nos deixemos levar máis polo descoñecemento que pola realidade. De feito, non oficial non significa ilegal. Que o noso Estatuto non estableza que a estreleira, a bandeira que prohibiron en Valladolid, sexa a oficial, non significa que este prohibida. E tirando polo outro lado: que a do poliño de San Xoán este prohibida nos estamentos oficiais, non significa que por levala pola rúa te vaian multar. Opinións persoais aparte, o que non se pode tolerar é que che prohíban portar a estreleira argumentando a "incitación ó odio" cando coa española coa águia, que representa un rexime dictatorial -para os puristas, si, sabemos que ven dos tempos dos Reis Católicos-, non teñas ningún problema para entrar nun estadio de fútbol.
Na edición número 25 de 'Minoría Absoluta' -tedes o programa dispoñibel para a descarga-, falando sobre este tema, xurdiunos unha pregunta: ¿terá algo que ver o dereito de admisión?, ¿será que no estadio José Zorrilla de Valladolid especifican a prohibición de entrar portando bandeiras independentistas?. Non sabemos as inclinacións políticas do equipo nin directiva, pero o que si sabemos é que o estadio é municipal. Público.
O denunciabel é a diferente vara de medir, e o feito de prohibir algo que por lei non está prohibido. "O me das la puta bandera o te la tragas. Tú eliges, follavacas". Das maneiras que empregaron as forzas de seguridade para requisar as bandeiras, preferimos non dicir nada, porque sería redundar no que todos xa pensamos.


Como experto, chamamos a Antonio Banderas para que nos dese a súa opinión, pero estaba comunicando
Este domingo xoga o Dépor contra o Espanyol. Diversas peñas e plataformas deportivistas alentan a tódolos siareiros a levar a bandeira galega a Riazor en resposta ó ocorrido o pasado fin de semana en Valladolid. Xa non é unha cuestión de reivindicar independentismos ou separatismos; trátase de reivindicar o dereito de cada un a expresar un sentimento mediante un anaco de te que, en ningún caso, pode "incitar á violencia".

Rematamos con esta frase que di: "para moitos, bandeira é aquilo que colga da súa corda de tender".

No hay comentarios:

Publicar un comentario