sábado, 16 de noviembre de 2013

Chapapote nas mans

"Salen unos pequeños hilitos, hay cuatro en concreto, los que se han visto, cuatro, regueros, me dicen, regueros solidificaos, con aspecto de plastilina en estiramiento vertical", 2002, Mariano Rajoy, experto medioambiental

11 anos despois da maior catástrofe medioambiental que sofreu Galicia en toda a súa existencia moitos de nós aínda seguimos a pensar que en calquer momento pode ocorrer de novo.

Urquiola, Casón, Mar Egeo... a historia das nosas costas está ateigada de moitos nomes propios e un mesmo final. Independentemente da factura total en cada un dos casos, o galego acostumouse a ver afundir barcos dun xeito case cíclico. Xa fose fuel, petróleo ou compoñentes químicos varios, o noso mar vive exposto, e como se pode extraer da sentenza do xuízo do Prestige, ás diferentes "circunstancias" que fan naufragar buques e que, en todo caso, eximen de calquer responsabilidade penal ó governo de turno. E o que nos queda.


Unha alca divírtese xogando con plastilina
(Fonte: webs.uvigo.es)
O Prestige, un buque monocasco liberiano que operaba con bandeira das Bahamas, cargado ate as cellas de fueloil, sofría o 13 de setembro de 2002 unha vía de auga provocada por un temporal que posteriormente o 19 dese mesmo mes provocaría o afundimento do barco. Nese mesmo intre, case sen tempo para a reacción, os nosos dirixentes poñíanse mans á obra para paliar o máximo posibel os efectos do inevitabel afundimento. Eran tempos para ousados e valentes. O noso ministro de Fomento, Álvarez Cascos, optou por irse de cazaría a Lleida. Por outro lado, o noso ínclito don Manuel, prefería facelo en Aranjuez. O noso Presidente por aqueles tempos, Ánsar, moi atarefado poñéndolle o cú ós americanos con asuntos internacionais varios, delegou nun novo Padawan chamado Rajoy, que tardou en recoñecer a magnitude da catástrofe equiparando os verquidos a simples "hilillos de plastilina". Si, esta vergoñenta tropa era o noso equipo A.
Pero non foron os únicos. Federico VivaHonduras Trillo, daquela ministro de Defensa, tiña preparados os F-18 por se, chegado o caso, fose necesario bombardear o Prestige. López Sors, por aqueles tempos director xeral da Mariña Mercante, foi quen decidiu remolcar o buque lonxe da costa ante a negativa do capitán, Apostolos Mangouras, quen foi o único condenado -por desobediencia, ollo- e que, curiosamente, ate o día de hoxe foi o único que pediu desculpas polo dano causado. Grazas, pero tarde.

O resultado final non puido ser máis desvastador. 63.000 toneladas de fuel esparexéronse pola costa, un chapapote que prohibiu a pesca durante meses -causando perdas millonarias- e milleiros de aves e distintas especies marítimas víronse afectadas pola contaminación producida. A marea negra cubriu máis de mil quilómetros de costa, afectando a, ademáis de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e o sudeste de Francia. A inofensiva plastilina de Mariano Rajoy provocou perdas do redor de 4.000 millóns de euros e incontabeis danos ecolóxicos e medioambientais. Aínda hoxe, once anos despois, descoñecemos os efectos negativos a longo prazo que poden padecer os máis de cen mil heroes que participaron voluntariamente na limpeza das nosas costas, aínda que o que si sabemos é que moitos deles, cinco anos despois, seguiron sufrindo problemas respiratorios. Un estudo dun grupo de investigadores da Universidade da Coruña, no que expuxeron a un conxunto de roedores a un fuel semellante ó do Prestige, confirma que a exposición ó combustibel por inhalación causa danos no material xenético. E ben, ¿quen vai pagar esta factura?.

Dicía López Sors, no xuízo pola catástrofe, que afastar o 'Prestige' da costa foi a "mellor decisión" que se podía tomar. Á vista do resultado anteriormente exposto, preguntámonos: se esta foi a mellor decisión e, por ende, os efectos causados foron os mínimos que podiamos padecer, ¿de que consecuencias medioambientais poderiamos estar falando hoxe se a decisión chega a ser outra?. Non somos mariñeiros, nin pescadores nin enxeñeiros, pero unha cousa temos clara: se cagas enriba dun ventilador acendido a merda pode chegarlle ó veciño. E así foi.


¿Es un pájaro?, ¿es un avión?, ¡No, es... MarianononianoMAN!
 (Fonte: elconfidencial.com)
Hai unhas semanas coñeciamos a sentenza de Estrasburgo sobre a doutrina Parot que determinaba que a devandita doutrina aplicada con carácter retroactivo vulneraba o Convenio Europeo dos Dereitos Humanos. A Constitución española -esa cousa que, segundo Margallo, ministro de Asuntos Exteriores, agás dous artigos "es literatura"-, no seu artigo 9 especifica que "La Constitución garantiza (...) la irretroactividad de las disposiciones sancionadoras no favorables o restrictivas de derechos individuales(...)". Debates morais aparte, semella evidente que a xustiza española vulneraba coa doutrina Parot non só o Convenio Europeo dos Dereitos Humanos, se non tamén a súa norma suprema. Vivir nun estado de Dereito, coas súas Leis e decretos, ten estas cousas, que tes que cinguirte a elas. A de xulgar con retroactividade, á parte de vulnerar a DUDH, pode convertirte nun Estado dun 'vale tudo' perigoso. 

Pero, ¿que terá que ver a doutrina Parot co Prestige?


Pouco tempo despois de coñecer a sentenza do TEDH, diversos grupos e asociacións de apoio ás victimas do terrorismo convocaban unha concentración en Madrid pedindo xustiza a favor da doutrina Parot. Horas antes, Mariano Rajoy declaraba en Bruxelas que a sentenza era "injusta y equivocada", aínda que debía "respetar" a decisión de Estrasburgo. Porén, e aínda desvinculándose da concentración promovida por, entre outros, a AVT, era o seu partido quen pouco despois emitía un comunicado onde manifestaban que "El PP se suma a la manifestación de las víctimas del terrorismo", e instaban a "todos los militantes y simpatizantes del partido a que acudan". ¿De que maneira podes, pois, respectar a sentenza dun tribunal e sumarte á manifestación en contra desa mesma sentenza?.

Non se critica a dor e indignación das víctimas, pero si o proceder. A culpa, en todo caso, non será do Tribunal de Estrasburgo por aplicar o sentido común; será dos diversos governos españois que no canto de modificar unha lei dos tempos do franquismo, empregaron parches con carácter retroactivo.
Como un mal chiste, macabro e funesto, o 13 de Novembro de 2013, xusto 11 anos despois desa vía de auga que provocaría o afundimento do Prestige, coñeciamos a sentenza cruel e inxusta que absolvía de toda culpa medioambiental ós tres imputados, entre eles o ex Director xeral da Mariña Mercante, López Sors. O que debemos entender entre liñas, pois, é que a culpa foi do temporal. Ou do mar. Ou da chuvia. Ou de Neptuno, Deus grego do mar, que na súa grandiosidade foi incapaz de evitar que o buque afundise. O Prestige pasará a historia non só por ser unha das maiores catástrofes medioambientais da navegación, se non tamén por ser un dos poucos desastres que se salde sen responsabeis. E o PP, que nesta sentenza tiña moito que perder, considera que o fallo demostra a súa correcta e adecuada xestión, e chama á cidadanía a respectar a decisión final. Mais, ¿por que se autoinfrixen tanta presión?, ¿por que se consideran os únicos imputados?, ¿por que respectan unha sentenza que non condena a ninguén no caso da maior catástrofe medioambiental do Estado, cando outros, non só eles, podían concorrer en culpa?, e sobor de todo, despois de saber que o suposto "fallo estructural" que afundiu ó Prestige coñecíase dende 1996. 
Tomárono polo persoal. Por algo será.

¿Atopades xa as similitudes?



Mangouras, capitán do buque, lamenta o afundimento do Prestige. Ó parecer deixouse a carteira no camarote.
(Fonte: elperiodico.com)
E namentres, os galegos asistimos atónitos ó desenvolvemento dos acontecementos revivindo antigos e escuros sentimentos. Sabemos que hai responsabeis, e sabemos tamén que teñen as mans luxadas dun chapapote tan negro como a súa alma.

viernes, 27 de septiembre de 2013

O tren que nunca chegou

"A nosa galeguidade provén da forteza do espírito, e aínda que carecemos de vontade ofensiva, somos inexpugnables na resistencia", Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Eran as 21.40 do 24 de Xullo de 2013 cando camiñaba pola Alameda compostelá. As rúas estaban ateigadas; os postos abertos. A tómbola sorteaba un boneco de Pou e arrecendía a porra con chocolate. Recordareino sempre.
A temperatura era agradabel. Non facía frío, tampouco calor. O ceo estaba gris. Orballara hai pouco e Compostela ulía. A Compostela, a cidade onde a chuvia é un arte.
Os postos seducían cos seus atractivos productos: chapas a 0,50; bandeiras de 'Los Ramones'; pulseiras da paz... ó lonxe, un chamábame especialmente a atención, cos seus cantos de serea ó fondo. Unha mesa ateigada de discos. De tódalas épocas e estilos. Achégome coma un neno a unha tenda de caramelos, sen saber cal mirar primeiro, atordado con tanto tesouro ante os meus ollos. De súpeto, víbrame o peto. Unha chamada inesperada. "Oye, ¿estás bien?". Non entendía nada. "Descarriló un tren, diez muertos por ahora". Non contesto. Miro o meu arredor. Os sorrisos da xente facíanme sospeitar que ninguén sabía nada de que, unha hora antes, xusto ás 20.41, un tren Alvia Serie 730 Madrid -Ferrol descarrilara a poucos quilómetros de nós.

Comecei a escribir esta entrada o serán do 26 de Xullo, coa dor tan recente coma unha ferida sen sandar. Sentía a necesidade de contarlle ó mundo a miña experiencia, pensando que as verbas verdadeiras son as que saen no momento, sen contaminar polo paso do tempo. Mais non puiden. A perspectiva que me da agora o pasar dos días pode que suavice o discurso, pero non o sentir. Pode facerme máis analítico, mais as preguntas seguen sendo as mesmas. E as respostas, moi poucas.

O pobo galego mimetízase coa dor ate facela case endémica. Interiorizamos a morte coma o fin propio dos galegos. Padecemos petroleiros, chapapotes e lumes e non desfalecemos. O noso poder non reside no ataque; reside na nosa capacidade de defensa. Se o mundo fose un enorme tapete de rol a nosa victoria chegaría logo de superar moitos embates. Cansos, mais nunca derrotados.
Rosalía falábanos dunha Negra Sombra que ó pé dos seus cabezales tornaba facéndolle mofa. Resulta inevitabel, dun tempo a esta parte, non asociar as verbas da autora galega a canta catástrofe sufrimos; non escoitar os acordes de Xoán Montes na nosa cabeza mentres vemos os nosos montes arder, o noso mar contaminar ou ós nosos emigrar. E de novo, coma unha grande e cíclica caveira oca, apareceuse a Negra Sombra na véspera do noso día, para tinguir unha vez máis Galiza de escuras e negras sombras.

Cando o Alvia 730 Madrid-Ferrol descarrilou ese día 24 moitos estabamos preparándonos para a festa grande daquela noite. Para os que sentimos con forza a festividade da patria, será difícil non desprender da nosa memoria o recordo do sinistro cada 25 de Xullo, como esa gran Negra Sombra de Rosalía. A pregunta que nos facemos nós é cantos anos lembraremos a catástrofe sen as respostas que moitos buscamos, e que os 130 feridos e as familias das 79 víctimas exixen coñecer. Negámonos a crer que a responsabilidade total do accidente recaia nunha soa persoa que aparentemente tiña un currículo intachabel. O chivo expiatorio que ADIF e RENFE apuráronse en condenar e que a prensa encargouse de fusilar pagará toda a vida unha traxedia onde algúns non asumen a súa cota de culpa compartida. Existían medios para evitalo, e alguén terá que responder á pregunta de por qué ninguén instalou balizas nun dos tramos máis perigosos da alta velocidade.
Indigna, unha vez máis, comprobar o tratamento que certos medios de comunicación lle concederon ó accidente, un axioma que se repite cada vez que ten lugar a traxedia. Dende aqui, aconsellámosvos que revisedes todas as vosas fotos do facebook, twitter, tuenti e demáis redes sociais. Quen sabe se, chegado o momento, un avispado director de xornal descontextualizará algunha das vosas imaxes para condearvos e colgarvos na praza pública, rodeados de xente ávida de respostas. Hai moito xornalista con complexo de xuíz que non respecta o principio xurídico máis elemental na xustiza: a presunción de inocencia. Non caiades nas súas trampas. Nunca.

Será por que os dous partidos maioritarios teñen moito que calar sobre este particular, ou por que España espera vender alta velocidade ó Brasil, o certo é que semella que todos os implicados están satisfeitos co culpabel común que non tardaron nin 24 horas en acusar, cando xa existían informes anteriores que alertaban da perigosidade desta curva. ¿Quen quere arriscar un contrato millonario por un accidente de tren que se podía evitar?, ¿que importa máis: a conciencia dun só home ou a crítica internacional?. E namentres, o noso governo que fai copy+paste dun pésame dirixido ás víctimas do terremoto do Gansu, ou esa oposición lastimeira que loitaba con Pepiño Blanco á cabeza por saír na foto da inauguración deste mesmo trazado, impiden a través das súas seccións autonómicas crear unha comisión de investigación no Parlamento galego, ¿para que?. O culpabel xa o temos, e non vaia ser que removamos moito na merda e algún de nós acabe no caldeiro.
Mais, como se dunha broma de mal gusto se tratase, o 16 de setembro o vicepresidente da Comisión Europea dicía que  España non tiña a obriga de poñer o freado automático no Alvia, dicindo textualmente que "aínda que o accidente de Santiago implicou un tren de Alta Velocidade, parece que ocorreu nunha parte da rede convencional que conectaba coa liña de Alta Velocidade. Como tal, podería non haber ningunha obrigación legal de despregar ERTMS". Por sentido común -aínda que sexa unha opinión persoal-, e se a seguridade nos referimos, a legalidade non pode xustificar endexamais a carencia de sistemas de prevención de riscos, por moito que o digan dende Bruxelas e o propio Siim Kallas, autor destas palabras.
Afortunadamente, entre tantas sombras que escurecen a xustiza española -máis por lenta que por ineficaz, aínda que a segunda vai da man da primeira-, semella que algunha luz podemos divisar ó lonxe xa que o xuíz instructor do accidente do Alvia, Luis Aláez, ven de imputar este pasado martes a 22 cargos de Adif, posto que, e segundo as súas palabras, puideron ter "cando menos, unha grave falta de dilixencia tanto na actuación preventiva como na correctiva". E tal como nos alegramos, tamén agardamos recelosos o veredicto final xa que, como todo, isto non é como empeza, se non máis ben como acaba.


Pepiño Blanco botándolle un tute cos colegas
A catástrofe do Alvia 730 demostrou unha vez máis que os heroes de verdade non levan a muda por fóra. Tampouco capa. E na maioría dos casos non teñen superpoderes. Angrois converteuse para moitos nun nome de ingrato recordo pero á vez, nun exemplo de solidariedade dun pobo para cos demáis. Entre a dor da traxedia, un colectivo humano foi quen de esquecer os riscos para tentar salvar os seus conxéneres da morte. Nunca haberá homenaxe que faga xustiza, e só hai un homenaxe que agora poidan necesitar: o silenzo. Porque eles tamén necesitan gardar loito polos 79; eles tamén necesitan chorar os seus mortos.

E entrementres aqui no dimite ni Dios. A Marca España, chambona e chapuceira como ela soa, única e inimitabel, casposa e cañí, pandereteira e chiripitifláutica, funciona así. ¿Que morren 79 persoas nun accidente de tren?, poñamos balizas para que non volva ocorrer. ¿Que arden os montes?, endurezamos as penas ós pirómanos por se se lles da por queimar o monte que xa non queda. ¿Afunde un barco cargado de petróleo?, prohibamos os petroleiros monocasco navegar polas nosas costas ateigadas de chapapote. Arranxemos o problema cando xa o teñamos enriba, que a prevención é para covardes e mariquitas.


Cando penso que te fuches, Negra Sombra que me asombra.

sábado, 6 de julio de 2013

El concepto es el concepto, Maruxiña

"La segunda, ya tal...". Mariano Rajoy Brey regateando. 28/06/2013


¡Última oportunidad!, si te compras ahora esta televisión Panaponic te regalamos un presidente, ¡yo no soy tonto!

Si, amigos, este é o noso presidente. O que se agocha detrás dunha pantalla de televisión. O que sae pola porta de atrás e... la segunda, ya si tal. A nosa clase política está enferma, agoniza e pide a eutanasia. Padece unha enfermidade que semella endémica na súa rama, potenciada polos hooligans da verba escrita e falada que inundan os debates televisivos e as crónicas xornalísticas.
Se este fose un Estado normal, estaríamos nas prazas, mais o de Vilalba tiña razón. Spain is different. Para todo.

O noso presi ten moita clase, iso é innegabel. É o Lionel Messi do Parlamento: como finta, como regatea, como deixa sentados ós xornalistas. E por se fose pouco, tamén tivo un papá que lle levou os cartos e non os declarou. E el, supostamente, tampouco sabía nada.
É o mestre do falar e non dicir ren; o taxista da verba; o home da "línea de crédito en condiciones ventajosas". A hemeroteca, moi puta ela, deixa en calzóns o máis pintado. Por todos son coñecidas as súas falsas promesas e o suposto momento do cambio. Súmate, dicía.
Mais non seremos nós quen fagamos un post enumerando as súas mentiras. Hai vídeos en youtube, entradas no 85% dos blogs e unha memoria colectiva plasmada nos muros do facebook. Si, ese lugar onde nos manifestamos sen movernos do sofá. Canto dano fixo Mark Zuckerberg á revolución social.

Pero non nos enganemos. A clase dirixente é o espello da sociedade á cal governan; neles reflectímonos todos, nos seus actos e nas súas verbas. ¿Ou é que non fixemos algún arranxo na casa e non pagamos o IVE?, ¿será que nunca traballamos en negro, ou cobramos parte da nómina nun sobre ysitehevistonomeacuerdo?, ¿e ese día que non fumos traballar porque, porque... e ese día que non fumos traballar?. A diferencia atópase na escala, única e exclusivamente, e semella que estamos rozando unha liña perigosa. O ibérico interiorizou a corrupción como elemento autóctono. A novela picaresca inventámola aqui.
Mais, ¿por que nos indigna agora máis que nunca a corrupción política?, ¿que diferencia hai, aparte da época, entre Filesa e a Gürtel, ou os sobres de Bárcenas co Caso Roldán?. A diferencia reside en que antes eramos ricos. Ou iso pensabamos.

Se uns parágrafos máis arriba diciamos que a nosa clase política estaba enferma, agonizaba e pedía a eutanasia, e un pouco máis abaixo concretabamos que os nosos dirixentes eran o espello onde se reflectía a sociedade á cal governaban... ¿podemos dicir entón que a nosa sociedade está enferma, agoniza e pide a eutanasia?. A nosa sociedade está débil e tirou a toalla. A clase política está enferma, mais, teimuda ela, loita por sobrevivir, ¿por que será?.

Se este fose un Estado normal, agora estariamos tomando as prazas. Pero aqui estamos nós, alentando a revolución dende blogspot.


Velaquí a insigne expresión dun español comodiosmanda, valente, emprendedor e triunfador . Maldito país de envexosos.
O día no que o noso presidente lle fixo unha lambreta á dignidade política, o xornalismo patrio non fixo máis que rir. Tan só hai que ver as imaxes para comprobar incrédulo a reacción dos xornalistas ali reunidos. Acto seguido, Mariano, convencido de superar o asalto, resoprou para os seus adentros e pensou, "safé. No sé cómo, pero safé". O erro, de entrada, foi darlle a posibilidade dunha segunda pregunta. Se xa tende a dispersarse, para canto máis darlle motivos. E segundo. ¿Por que non insistiron?, ¿por qué deixaron a cousa correr e limitáronse a rir?. Que se vexa obrigado a contestar, aínda que non o leve escrito nun papel. Porque outra cousa non, pero do que si estamos seguros é de que Mariano, cando menos, sabe ler, aínda que de comprensión lectora ande curtiño, ¿que ocorrería se os asesores do Presidente se quedasen sen tinta na impresora?. Estado de alarma. Mínimo.

El concepto es el concepto. Aínda que non o entendamos moi ben.

miércoles, 12 de junio de 2013

O opio debe millóns

"Mucho que decir y poco que contar". Arsenio Iglesias, Maio de 1994.


Maradona e Goikoetxea na final de Copa do 84 practicando os bailes de 'Fama', serie da que eran moi fans
Dicía o bo de Arsenio, o zorro de Arteixo, o home da defensa de cinco, do esixido Huapaya e de verba sinxela e mirada humilde, que a derrota humanizaba. Dicíao nunha época onde o fútbol era un deporte de homes de pelo en peito, mestos mostachos e melenas rebeldes, aínda que non sempre se cumpriran estos tres axiomas á vez -e se non, que lle pregunten ó mítico Tato Abadía-. O concepto de 'metrosexual' naqueles tempos significaba unha unidade de lonxitude relativa ó sexo. Ou un tren eléctrico subterráneo erótico. Os xogadores coñecíanse polo apelido e o fútbol era patrocinado por Ponche Caballero e viños Osborne. Efectivamente; non era lugar para cobardes.

Ben sabedes que no programa non acostumamos a falar de fútbol. Nos medios comerciais abundan debates, tertulias, crónicas e noticias. Os programas máis vistos son os de deporte fútbol. O xornal de máis tirada é deportivo. Inclusive, certa cadea de televisión adica nos seus informativos cinco minutos máis á actualidade deportiva que á información xeral. Estamos intoxicados, envelenados e contaminados. E estamos en crise, que tamén inflúe.
¿Que ten, pois, un deporte onde 22 tíos en pantalón curto perseguen un balón?.

Tampouco queremos enganar a ninguén. Moitos de nós somos afeccionados ó Deporte Rei, algúns incluso somos socios de clubes deportivos. Alimentamos á besta que criticamos. Exercemos a hipocrisía que tanto denunciamos. Mais entoamos o 'mea culpa' cunha man levantada e a outra no corazón. Somos débiles e caímos na tentación, somos víctimas, ningún xuíz nos condearía.
Moitos pregúntanse, coa culpabilidade reflictida na faciana, se ter conciencia social é incompatibel co amor ás cores dun equipo de fútbol. Nós preferimos preguntarnos por qué ten que ser incompatibel. O deporte e especialmente o fútbol, alén do negocio que representa, significa pertenza, conectividade, colectividade e sana rivalidade. O problema vén, como en tantas outras cousas, cando a árbore nos impide ver o bosque. E iso é o que criticamos.

Un amigo do programa comentaba un día o contrasentido do último anuncio de David Villa para Unicef. Nel, podiamos ver ó xogador do F.C. Barcelona animándonos a loitar contra a desnutrición infantil en África. O noso compañeiro apuntaba, non exento de razón, que resultaba paradóxico que un xogador de fútbol pedise axuda para os mesmos nenos que lle cosían as zapatillas coas que xogaba, dunha multinacional feroz e máxima expoñente da explotación infantil.
O certo é que non temos moi claro en que momento o fútbol se converteu en negocio. Se cadra foi cando televisaron o primeiro partido, dando paso á publicidade. Ou cando David Ginola, o primeiro 'futbolista anuncio', dixo iso de "porque yo lo valgo". Ou máis ben, alá polos primeiros anos dos 90, unha modificación na lei permitía que os clubes de fútbol poideran converterse en sociedades anónimas deportivas, transformando un simple clube deportivo nunha sociedade mercantil.
O que si sabemos, ou mellor dito, sabemos a medias ou o que nos queren contar, é que os clubes de fútbol españois débenlle a Facenda máis de 750 millóns de euros. Alén de esixir o reembolso inmediato do diñeiro adebedado, o Estado, unha vez máis, mira cara outro lado, facendo gala dunha permisividade pouco frecuente noutros ámbetos da vida. E por se fose pouco, a Lei Concursal á cal poden acollerse os equipos de fútbol proporciona quitas de, nalgúns casos, máis do 50% na cantidade total a pagarlle ós acredores. O opio debe millóns e Facenda somos todos. Mais á clase dirixente non lle interesa destruír o circo, que non están as cousas como para unha nova Guerra Civil.
Nós, como afeccionados ó fútbol, esiximos trato de igualdade para todos. Malia que iso implique que o equipo dos nosos amores corra o risco de desaparecer.


Maradona e Julio Alberto nun partido contra as drogas. Deles, os seus coñecidos dicían que eran persoas coherentes e consecuentes
O Estado español conta con seis millóns de parados, gran parte da súa clase política está corrupta e o Xefe do Estado e familia navegan entre escándalo e escándalo. Mais, tranquilos todos. Onte gañou la Roja. Dende San Vicente de la Barquera ate Cádiz, de Alcuescar a Elxe, hai un sentimento que une a todos por igual... aínda que nós, chamádenos tolos, somos da opinión de que España molaba máis cando perdía... ese penalti de Raúl que mandou ó párking do Breydelstadion contra Francia na Euro do 2000; a cantada de Zubizarreta contra Nixeria no Mundial do 98; esa tarde do 9 de Xullo de 1994 na que Julio Salinas esqueceu por dous segundos como se xogaba ó fútbol... Amigos da conspiranoia, a crise comezou o mesmo ano en que Casillas levantou a Eurocopa. A relación causa-efecto semella clara. O que non temos moi claro é, cal é a causa, e cal o efecto.

Ains. Que volvan os mestos mostachos e as melenas rebeldes, se non é moito pedir.

viernes, 24 de mayo de 2013

La ONU te dice: ¡HAKUNA MATATA!

"Vive y sé feliz... ¡de primero plato de lombriz!"


¿Non o recoñecedes?, ¿nin polo morro?, é Ban Ki-moon almorzando
Ninguén lles pode negar que non teñan ideas. Danlle ó maxín. Discurren. E nos tempos que corren -en serio, pido un contador para saber cantas veces escribimos esta frase neste blog-, fai moita falta. Algún día, non moi lonxe no tempo, veremos ós nosos dirixentes comunicando as novas propostas cun pelucón verde na cabeza, unha margarida que bota auga na solapa e unha pelota vermella no nariz. Un vestiario ó nivel das súas ideas.

Un deses ideólogos témolo moi preto. Non temos que irnos á ONU; é Ministro; de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Chámase Arias Cañete e entre os seus maiores logros políticos atópase o de comparar ás mulleres co regadío (<<los regadíos hay que manejarlos como las mujeres>>) ou acabarse un chuletón de tenreira co fin de demostrar que iso das vacas tolas era un conto chino. Supoñendo o seu IMC, damos por feito que non sufriu moito para conseguir esta fazaña da cal os xoglares fixeron versos que cantaron por todo o Reino ensalzando a figura do magnánimo heroe Cañete, que se xogou a vida loitando contra a encefalopatía esponxiforme bovina en forma de entrecot. Nin Darth Vader e Voldemort xuntos dan tanto medo.
Pero que non vos engane o seu físico. A primeira vista, semella ese compañeiro que todos tivemos na escola con poucas luces e moita forza que a todos caía ben, non se sabe exactamente se por pena ou por méritos propios. É o Yayirobe dos ministerios; o Pedro Picapedra popular; o Hodor do governo. Mais, dentro desos quilos de graxa, detrás dese corpo robusto e "colesterólico", atópase unha mente preclara, un diamante en bruto, un visionario adalide contra a crise. Se os anteriores exemplos non vos chegaban para desexar ser como mínimo un pelo da barba de Cañete, as ideas que propuxo para aliviar a crise familiar farán que odiedes as vosas nais por non ser a nai de Cañete.

O caso é que, a partir de non se sabe cando, non aparecerá a data de caducidade nos iogures. Anunciouno nunha entrevista para RNE, cunha frase que quedará marcada nos anais das grandes citas políticas como "la dificultad es una excusa que la historia nunca acepta" (Kennedy) ou "váyase, señor González" (Yousei Merruia Answer): "me los como 5 días más tarde y no me sientan mal". Pero que riquiño é Cañete, coa esa retórica infantil tan súa. Como é radio -algo moi familiar para nós-, non sabemos qué fixo acto seguido, pero non nos extrañaría nada que despois de tal afirmación comezará a golpearse ó peito o máis puro estilo xeneral Thade en 'El planeta de los Simios'. "Soy un machote y ahora toda España lo sabe", debeu pensar para os seus adentros.
Pero aparte de comer iogures caducados, tamén se ducha en auga fría. Velaí o tendes, un home ó cal non lle importa que se lle poña coma unha pasa de pequena sempre que sexa para aforrar enerxía. Vrabo. Digo... bravo -a sombra de Wert-. Quítámonos o chapeo ante vostede señor Cañete.
Mais o falar non ten cancelas. E un dos grandes problemas da clase política é que se atopa moi lonxe da sociedade e dos problemas reais da xente. Si, todos nos comimos algunha vez iogures caducados e non pasou absolutamente nada, pero cústanos crer que o Hodor do governo se atopase algunha vez nesa situación. E máis inversomil nos resulta a imaxe de Arias Cañete en pleno Decembro lavándose en auga fría. 
Fai o que eu digo, non o que eu fago.

Fai uns días, soubemos que dende a ONU -supoñemos que despois dun brainstorming que tivo que ser épico- recomendan comer insectos para acabar coa fame do mundo. Para reforzar a tese, presentan un estudo non que indican que no 2030 a Terra terá que proporcionarlle alimento a 9.000 millóns de habitantes e que os recursos non van medrar en proporción. 


Prato composto de insecto lepidóptero da familia Bombycidae sobre leito de beta vulgaris da familia das amarantáceas. Vamos, vermes con acelgas, a alta cociña do futuro.
¿E a que non adiviñades que político español apoia esta medida?. Unha pista: non é Esteban González Pons. Parece ser que o noso Ministro de Agricultura encántalle acompañar os iogures caducados con <<insectos fritos y pequeñitos que no son desagradables>>. Por favor, que alguén lle de un Nobel, un Oscar ou algo a este home.

Pois xa sabedes o que toca a partir de agora... ¿ese mosquito que leva toda a noite atormentándote?, ¡un entrante perfecto!; ¿esa térmite que está acabando cos teus mobles?, ¡un entremés de escándalo!; ¿esa mosca que anteriormente estaba voando sobre a cacoliña do teu can?, ¡a gornición ideal!. Se o quid da cuestión está en como vendelo mais, aínda así, non estaría de máis que saíse Ban Ki-moon e familia nunha rolda de prensa probando as delicias que tanto convidan a comer, xa que, a mellor maneira de dicir, é facer. 

¿Que nova idea estrafalaria será a seguinte?. Agardamos con ansias.

martes, 21 de mayo de 2013

Votamos por enriba das súas posibilidades (Parte I)

"Bienvenidos a la fiesta de la democracia, pinchamos los últimos éxitos y hay refrescos y canapés para todos"


Si, sabemos que somos moi pesados poñendo fotos do franquismo, pero que ben que se votaba naquela época
Unha das frases coas que temos que convivir nestos tempos que corren -alerta de ranciofact-, é aquela que di que durante unha época vivimos "por enriba das nosas posibilidades". Esta frase ben a podería asinar un economista dunha tendencia política particular claramente marcada, como un xornalista liberal, pasando por un cidadán de a pé e rematando polo mesmísimo presidente do goberno. No primeiro e segundo caso, a afirmación trata de continuar a cortina de fume o ideario marcado polo cuarto. No terceiro, o caso do cidadán de a pé, trátase da constatación da crenza dunha mentira emitida por un altofalante.
Pero nós tamén recoñecemos que vivimos por enriba das nosas posibilidades. Ese cubata de máis que nos pagamos o 23 de Xuño do 2007 e que provocou a quebra do Lehman Brothers; esa comida en 2008 na que repetimos prato sabendo que non debiamos e que levou a centos de empresarios a despedir a moreas e moreas de traballadores; o día aquel que nos ligamos a aquela rapaza voluptuosa, loira, fermosa e cunha 100 copa B de peito -un cánon moi por enriba das nosas posibilidades mirándonos ó espello- que fixo que rebentase a burbulla inmobiliaria... certo. Non hai máis que discutir, a culpa é nosa...

Está ben; evitemos o sarcasmo e aceptemos a nosa cuota da culpa. O noso erro foi votar por enriba das súas posibilidades. Porque si, todos coñecemos casos de particulares que aproveitaron a burbulla inmobiliaria para especular ou familias que pediron créditos para irse de vacacións ou para mercar a televisión de plasma. Pero non fagamos da excepción a norma nin afoguemos no fume da cortina, cando a débeda das familias supón o 20% da débeda total, repartíndose o pastel restante entre a débeda pública, empresarial e financeira. Semella que non só nós vivimos por enriba das nosas posibilidades, pero iso non interesa.
A maquinaria propagandística do poder executivo é asi. En nós está o crer ou non.


Imaxe dese cubata de máis que provocou a quebra de Lehman Brothers
Vivimos nun Estado bi. Ou es do Barça ou es do Madrí; ou votas ó PSOE ou votas ó PP; ou tomas Colacao ou bebes Neskuí. Non coñecemos equipos de media táboa; non consumimos marcas brancas; non sabemos de partidos minoritarios ós cales votar. E a Lei non axuda; unha Lei que da maiorías absolutas atroces a partidos que non conqueriron nin tan sequera o 50+1 dos votos. Nunca, dende 1977, un mesmo partido político conseguiu máis do 50% dos escrutinio. Nunca. Maiorías simples que se convirten nas dictaduras da democracia. 
Pero non toda a culpa é do sistema D'Hondt. Non cando, nas últimas eleccións xerais, houbo un absentismo de case o 30%, que en números tradúcese en case dez millóns de votantes. Para facelo máis gráfico, o Partido Popular conseguiu 10.830.693 de votos. Saquen as súas propias conclusións.

Cando dicimos que votamos por enriba das súas posibilidades, referímonos a que votamos sen pensar nas posibilidades reais que tiñan de sacarnos desta.

sábado, 18 de mayo de 2013

Tú eres un separatista sectario, yo soy un buen patriota español

El gallego, pa las vacas


Unha imaxe dun partido do Real Madrid en 1969. Hoxe en día, as bandeiras de San Xo... ah, non, que esta foto é actual.
Hai uns días, con motivo do partido de Liga que enfrontou ó Valladolid co Deportivo, soubemos por boca dos mesmos afeccionados deportivistas que a seguridade do José Zorrilla prohibiu a algúns dos siareiros entrar ó estadio con estreleiras galegas. Se o caso xa é denunciabel per se, polo simple feito de coartar a liberdade de expresión das persoas, é dobremente grave cando estos mesmos siareiros confirmaban que no estadio podían verse bandeiras españolas co poliño de San Xoán ondeando como se nada. E nós dicimos... xa que nos poñemos a prohibir, ¿por que non prohibilas todas?.
Supostamente, o argumento que empregaban os traballadores de seguridade era que as estreleiras "incitaban á violencia". Por esa regra de tres, temos que supoñer que o poliño na bandeira española, para estes elementos, debe incitar ó ecoloxismo. No problem pois.

Lonxe xa da "una grande y libre" -e menos mal, déixao ir-, os vestixios daquela época aínda perduran nos nosos días. Nas nosas rúas; nas nosas prazas; nos nomes dalgúns edificios públicos; e por que non, en certos medios de comunicación -chamémoslles neocons liberais, para que non se enfaden-. A Lei de Memoria Histórica, aprobada no Parlamento en 2007, establece, entre outras cousas, que "los escudos, insigniar, placas y otros objetos o menciones conmemorativas de exaltación personal o colectiva del levantamiento militar, de la Guerra Civil y de la represión de la dictadura deberán ser retiradas de los edificios y espacios públicos", o que para algúns, adoradores de tempos pasados e perfumados en alcanfor, constitúe un "atentado" á historia máis recente de España. Si. Estamos de acordo en que non debemos esquencer o noso pasado. Que todos o coñezan, que os nosos nenos o aprendan. Que saiban que durante case 40 anos nos governou un anano con voz de pito que conqueriu o poder a través das armas, deixando tras de si 150.000 mortos. ¿Cómo era aquilo de que un pobo que non coñece o seu pasado está condeado a repetilo?, pois iso. Historia para todos.
Agora ben. Partindo da base de que que poñan o teu nome a unha rúa significa recoñecemento, distinción e gratitude, ¿que lle temos que agradecer ó Comandante Barja ou ó General Mola, aínda que mole o seu apelido?. E sen ir máis lonxe: ate o 2008, Juan Canalejo tiña o privilexio de poñerlle o nome ó hospital da Coruña, un home famoso polas súas accións terroristas e por facer tragar gasolina e aceite de ricino as súas víctimas. Bravo. Xa postos, ¿por que non lle trocamos o nome ás escolas infantís 'galiña azul' por 'Garderías Herodes'?

Voltando á teima da bandeira, é moi habitual que nas discusións sobre a legalidade ou ilegalidade das bandeiras nos deixemos levar máis polo descoñecemento que pola realidade. De feito, non oficial non significa ilegal. Que o noso Estatuto non estableza que a estreleira, a bandeira que prohibiron en Valladolid, sexa a oficial, non significa que este prohibida. E tirando polo outro lado: que a do poliño de San Xoán este prohibida nos estamentos oficiais, non significa que por levala pola rúa te vaian multar. Opinións persoais aparte, o que non se pode tolerar é que che prohíban portar a estreleira argumentando a "incitación ó odio" cando coa española coa águia, que representa un rexime dictatorial -para os puristas, si, sabemos que ven dos tempos dos Reis Católicos-, non teñas ningún problema para entrar nun estadio de fútbol.
Na edición número 25 de 'Minoría Absoluta' -tedes o programa dispoñibel para a descarga-, falando sobre este tema, xurdiunos unha pregunta: ¿terá algo que ver o dereito de admisión?, ¿será que no estadio José Zorrilla de Valladolid especifican a prohibición de entrar portando bandeiras independentistas?. Non sabemos as inclinacións políticas do equipo nin directiva, pero o que si sabemos é que o estadio é municipal. Público.
O denunciabel é a diferente vara de medir, e o feito de prohibir algo que por lei non está prohibido. "O me das la puta bandera o te la tragas. Tú eliges, follavacas". Das maneiras que empregaron as forzas de seguridade para requisar as bandeiras, preferimos non dicir nada, porque sería redundar no que todos xa pensamos.


Como experto, chamamos a Antonio Banderas para que nos dese a súa opinión, pero estaba comunicando
Este domingo xoga o Dépor contra o Espanyol. Diversas peñas e plataformas deportivistas alentan a tódolos siareiros a levar a bandeira galega a Riazor en resposta ó ocorrido o pasado fin de semana en Valladolid. Xa non é unha cuestión de reivindicar independentismos ou separatismos; trátase de reivindicar o dereito de cada un a expresar un sentimento mediante un anaco de te que, en ningún caso, pode "incitar á violencia".

Rematamos con esta frase que di: "para moitos, bandeira é aquilo que colga da súa corda de tender".

lunes, 13 de mayo de 2013

Tú no te quejes que por lo menos tienes trabajo

"Si, un contrato temporal a media xornada facendo corenta e pico horas semanais"

Nos tempos de Franco si que se vivía ben, que ninguén protestaba nin se facían folgas, non como agora.
Ocorre moitas veces que non somos conscientes da persoa que temos diante á hora de falar. Xa sexa por descoñecemento, despiste ou, directamente e sen andarnos con formalismos, por foder esquecemento (mal)intencionado. Imaxinádevos que levades dúas semanas comendo sopas de sobre, colledes un avión, viaxades ate Somalia, parades o primeiro rapaz que se vos cruce por diante e lle dicides, "estou farto de comer sopas de sobre". 
Ocorre tamén que o interlocutor ó cal nos diriximos padece dunha sensibilidade a flor de pel. Sensibilidade a e por si mesmo, of course. Recoñecerédelo porque ela/el sempre está peor ca ti, traballa máis ca ti, o putean máis que a ti e cobra menos, moito menos ca ti. En castelán esta patoloxía coñécese como o "yoísmo", e tódalas frases comezan con un "es que yo", "pero yo" ou "pues yo más/menos (iso xa depende da ocasión)". Un consello: nunca, baixo ningún concepto, te queixes diante del.

Nos tempos que corren -frase rancia onde as haxa-, cunha crise que nos afoga e cunha cifra de parados que vai camiño de ser insostibel, este último grupo anteriormente descrito reprodúcese como as esporas. A quen non lle pasou algunha vez, nunha tertulia en calquer bar ou na sobremesa de calquer comida familiar, a situación que sempre remata co título desta entrada: "tú no te quejes, que por lo menos tienes trabajo".
Si, tes razón. Ti estás peor ca min, non cho discuto, pero a túa desgraza non é inversamente proporcional a miña felicidade. Que ti estés mal e vaias a peor, non significa que eu vaia ben e vaia a mellor. Ti non tes traballo; eu teño un traballo de merda. Non me critiques por queixarme; queixémonos os dous á vez, protestemos e saiamos á rúa a compartir o noso malestar cunha xeración que ou non ten traballo, ou ten un traballo de merda e 0 futuro, ou ten que emigrar para poder levarse á boca unha mísera sopa de sobre.
En definitiva: transformemos mala hostia en reivindicación. Non te pidas outra caña e te cagues na nai que pariu Grecia e a súa polis. Érguete.

En Bangladesh tamén tiñan traballo. Que non se lle ocorrera a ninguén queixarse, aínda por enriba.
Pode que ti, querido lector e oínte, sexas un desos parados de longa duración. Ou quizáis teñas un traballiño, mal pagado, cun contrato temporal, facendo máis horas das que pon o teu contrato e, por suposto, sen cobrar esas horas extra. Por proporción, o máis seguro é que pertenzas ó primeiro grupo. Pois tendes que saber que nin os dun lado nin os do outro sodes inimigos. Sodes víctimas dunha estafa á cal lle chaman crise económica.
A maquinaria propagandística dos governos é brutal por necesidade. Controlan os medios, xa sexa directa ou indirectamente, no medio público estatal ou a través de medios privados untados ate as cellas presididos por xornalistas empresarios feroces e insaciabeis. Dun tempo a esta parte, por exemplo, a culpa da crise é dos funcionarios. Que si hai cientoylamadre, que se son unha panda de vagos, que se fichan para tomarse o café... de acordo, haberá de todo, como na empresa privada... ¿pero de verdade teño que crerme que o pufazo de Bankia é motivado polo "exceso" de funcionarios?. E o malo é que esos mensaxes calan na sociedade ate converterse en dogma de fe, e o político de turno contento. Que a árbore non nos impida ver o monte; abramos os ollos: este clima de división somentes lles favorece a eles. Non deixemos flancos sen vixiar, non desviemos a atención, porque será no oco libre onde entrarán con todo e nos collerán por sorpresa.

Hai uns días soubemos que un edificio en Bangladesh onde se atopaban centos de explotados traballadores derrubouse levándose consigo a case 400 persoas. Posteriormente, rasgando un pouquiño, saberiamos tamén que nese edificio traballaban para empresas textís occidentais nunhas condicións case infrahumanas. Se abrides os vosos armarios e mirades na etiqueta das vosas camisolas, veredes un "Made in Bangladesh" en moitas delas. Sabemos que é difícil non ser cómplice desa explotación xa que, mercando a súa roupa e creando demanda, somos cómplices (in)directos, mais cando menos, algunhas cousas si podemos facer. Primeiro e o máis obvio e complicado, tentando non mercar esa roupa. Segundo e case obrigatorio, non esquecernos nunca, crear conciencia e loitar activamente.

¿Que vos parece se saímos todos dunha vez a queixarnos un pouco?.

viernes, 10 de mayo de 2013

O adverbio que se lles esqueceu escribir na Constitución

Artículo 14: los españoles (no) son iguales ante la Ley


O Rei Juan Carlos, á saída dunha rave
Comezando porque "la persona del Rey es inviolable y no está sujeta a responsabilidad". Vamos, que pode facer o que lle pete porque ninguén lle pode dicir nada. ¿Lembrádesvos no Mario Bros -os que xogáchedes a el- cando atopabas a estrela que te facía inmune durante un tempo ilimitado?, pois Juan Carlos ten unha estrela, moi grande e ilimitada.

Pero non nos queixemos agora. Votámolo na Constitución. Bueno. Nós non. Os que o votasen no seu día. Eran outros tempos, dirán, e por iso non podemos ser demasiado crueis. Todo, absolutamente todo, hai que medilo en base ó tempo no que sucedeu. Logo dunha longa noite de pedra, todo o que fose abrir a xanela para airear o cheiro a alcanfor era positivo. E a Constitución, coas súas cousas boas -que as ten, ou alomenos as intencións-, tamén ten as súas cousas regulares e malas, pero, que carallo. Despois de aturar ó anano cabrón anano dictador, non nos imos poñer tiquismiquis con un "quítame una inviolabilidad por aquí y ponme República donde ponde Corona".


Non deixa de resultar curioso que primeiro lemos que somos todos iguais ante a Lei e logo que o Rei é inviolabel. Algún pensará que a orde dos factores non altera o producto, pero se rasgamos un pouquiño máis, comezamos con un todos e rematamos en Juan Carlos, que non debe ser español -si, puristas, naceu en Roma-. Non nos extrañaría nada que Felipe estivese ansioso porque abdicase o Rei, e non por ser Republicano, se non porque ten que ser un choio iso da inviolabilidade.



Juan Carlos o día da súa proclamación como Rei, a piques de recibir a estrela que lle faría inmune
Comentábanos un oínte polo facebook que nos tempos que corren é absolutamente ridículo e anacrónico que en pleno século XXI siga existindo un posto público de natureza herditaria. Nós imos máis lonxe... e tamén no século XX. Pero algúns dos que mandan deben de pensar que a Constitución está talada en pedra e non se pode modificar así como así. Agora ben, para modificala delimitando o teito en gasto público en pleno verán, con certa nocturnidade e algo de aleivosía, non hai ningún problema. Iso si, para debater e votar outro modelo de Estado, xa é outro cantar.
Dicimos moitas veces no programa que os políticos temen a verba "referéndum" coma un neno teme ó coco. Cada catro anos votamos quen queremos que decida por nós, mais non decidimos por nós en cuestións tan fundamentais como as leis educativas ou mesmamente o aborto. E temen o referendo porque significa que o pobo elixa por si mesma. Non vaia ser que votemos algo que non lles guste, ¿que lexitimidade terían para non aceptar a voz do pobo?. Chámanlle democracia e non o é

Hai uns días coñecimos a noticia da suspensión da imputación da Infanta Cristina no caso Nóos. En resumidas contas, semella que non hai "ningún indicio" para inculpar á filla do Rei, porque non tiña por qué coñecer os sucios negocios que se traía o seu marido cando, presuntamente, desviou máis de seis millóns de diñeiro público. Porén, o cidadán de a pé ten que entender que o tren de vida que levaban os dous non facía sospeitar para nada a Cristina de que Urdanga podería estar facendo uns cartiños en B que non declaraba. Vaia. E nós que pensabamos que a parva era Elena. Máis que parva, semella moi lista.
Cristina engrosa a lista de "mulleres de" que non se enteran de nada. Dende Ana Mato, que "non lle consta" o Jaguar que había aparcado no seu garaxe, pasando pola muller de Bárcenas que botou balóns fóra cando se soubo que ingresou máis de 10 millóns na súa conta en 2007, acabando coa Pantoja, que, pobre dela, pensaba que o seu mozo naqueles tempos sofría de síndrome de dióxenes, ¿quen ía pensar que nas bolsas de lixo que levaba a casa había billetes e billetes de cincocentos?. Fraco favor lle fan ó feminismo estas mulleres.

Como nos gustaría ter de muller á Infanta Cristina, para facer e desfacer o noso antollo. Non, case mellor. Como nos gustaría ter de papá, ó pai da Infanta Cristina. 

lunes, 6 de mayo de 2013

Non á mina de Corcoesto

Ou o que é o mesmo, non ó diñeiro a calquer prezo


"Y si te fijas, esta maqueta del Eurovegas se ha hecho con trozos del Estatuto de los trabajadores, que es pa lo que vale"
Discutiamos nun dos vinte e pico programas que levamos, con motivo das desafortunadísimas declaracións de Fernández Díaz -ministro de Interior, nin máis nin menos-, sobre a importancia ou non pervivencia da especie. Desta, da nosa, non de outra. Algúns, nun arrebato de profunda crítica interior, preguntábanse que onde estaba a polémica. Desaparecemos, deixamos a Terra en paz, chimpún, a outra cousa e aqui paz e despois gloria.

O ser humano é egoísta per se. Esquilmamos a terra que pisamos; destruímos o medio que nos rodea; urbanizamos a costa e cazamos por diversión. Facemos festas que se basan na tortura animal; expropiamos terreos naturais para cementar e facemos buratos nunha capa de ozono xa deteriorada de por si. En definitiva, estamos a cargarnos o planeta para os nosos propios intereses, ondeando sen vergoña a bandeira do avance e o progreso. Por iso preguntámonos de novo, ¿sería tan negativo que o ser humano desaparecese?, para o planeta Terra, de seguro que non.
Cantaba aquel que quixera ser civilizado como os animais. Razón non lle faltaba.

Nestes últimos meses estamos asistindo, en Corcoesto e bisbarra, a unha serie de manifestacións en contra dun atentado contra o patrimonio común. Común significa, a grosso modo, de todos. E iso que é de todos, quéreno destruír para beneficiar a uns poucos. Detrás disto atópase Edgewater, unha empresa canadense experta en rebentar a terra, que di que aqui hai ouro, e que que nos parece se poñen uns cantos petardos, prenden os mistos, fanse co metal prezado e saen fuxindo coma foguetes. Coma os foguetes que van destruír o noso solo.


Imaxe dunha mina. Como podedes comprobar, algo moi natural e pouco artificial.
Prexuízos estéticos aparte, unha mina supón contaminación. Toxicidade. Cianuro e química. Unha bomba ambiental que pode estalar en calquer momento e acabar para sempre coas fotografías máis fermosas da nosa terra. E non sería a primeira vez que ocorre algo semellante.
Pero tranquilos todos. Que non nos imos quedar coas mans baleiras. A cambio, gañaremos varias ducias de empregos e, quen sabe, se cadra algún añaquiño dese ouro. Porque esa é outra, ¿a onde irá a parar toda esa riqueza que se atopa no noso subsolo?, e o que é pior, ¿que fan os nosos representantes políticos, garantes do noso patrimonio e ben común?, baixar os pantalóns e agochar a cabeza. Ai, capital.

Un pouquiño máis arriba podiades ver unha imaxe da maqueta de Eurovegas sendo observada polo millonario Sheldon Adelson, impulsor do proxecto. Empregamos esta imaxe para exemplificar á perfección o binomio diñeiro vs todolodemás. Desta quenda, xa non se trata de patrimonios comúns nin medio ambiente. Trátase dos dereitos laborais, que se verán seriamente perxudicados -máis se cabe- para quen teña a sorte de que traballar alí. Polo de agora, xa sabemos que os benvidosMrMarshall gozarán de exencións de impostos, terán permisividade en canto a lei Antitabaco, e se modificará o Estatuto dos Traballadores o seu antollo. Xa se sabe, hai que ser hospitalarios cos de fóra, e máis se traen diñeiro.
Poderoso caballero. Imaxinámonos o cú en pompa do Presi agardando capital estranxeiro.

Chegados ate aqui, formulámonos a pregunta do comezo. Se cadra, a resposta varía... ¿e se desaparecemos dunha puta vez e deixamos o planeta Terra en paz?.


domingo, 5 de mayo de 2013

Cuando frecuentaba malas compañías

Non queremos mentir de antemán. Non queremos caer na demagoxia barata e na crítica fácil. Propoño que todos fagamos un pouco de autocrítica e recoñezamos que tamén, nalgún momento da nosa vida, frecuentamos malas compañías.


Ay quien maneja mi barca, quién?, que a la deriva me lleva, quién?
Oigan, que non é nada malo. Que levante a man quen non coñeceu nos seus tempos mozos a un repetidor que rulaba costo, ou o típico camello local que pulula por calquer barrio normal de calquera cidade normal. E digo máis. Que levante a man quen non se deixou levar algunha vez pola presión grupal e probou un porriño, ou ten fotos comprometedoras daquel sábado de madrugada con unhas cantas botellas copas de máis.
Si amigos, somos humanos e todos temos un pasado. Mais semella que a algúns lles custa un pouquiño máis recoñecelo, xa sexa polo status ou polo cargo público que ostentan.

Fai unhas semanas, en certo xornal estatal, saían unhas fotos do pasado de Alberto Núñez Feijóo, actual Presidente da Xunta de Galicia, en compañía do coñecido narco e empresario Marcial Gallego. Motivacións detrás desta publicación aparte, todos agardabamos as aclaracións pertinentes a estas imaxes, que non se fixeron esperar. Feijóo, como se dun adolescente se tratase ó cal a súa nai lle acaba de atopar o paquete de Chester entre a merda da súa habitación, tirou balóns fóra e dixo que descoñecía a profesión narcotraficante deste home, que era un amigo duns amigos e que raras veces coincidiu con el.



Pola foto semella que non teñen dentes, pero tranquis, que non é polas drogas
Ó fío das súas declaracións, nós preguntámonos, ¿que pasaría se Feijóo recoñecese que tratou con narcos na súa mocidade?. Porque presi, sexamos serios. Ninguén no seu sano xuízo pode tragarse que vostede non coñecía os negocios do seu amigo Dorado.
Pero está ben. Aceptemos polbo como animal de compaña. Renunciemos o noso espírito crítico e creamos nas súas palabras, que é certo que realmente non sabía nada... ¿cómo explica a contratación con diñeiro público de empresas de Dorado despois de ser condenado por narcotráfico?. Máis tarde, saberiamos tamén que non só de Feijóo, se non tamén que do bipartito e de Fraga, as empresas de Dorado recibirían cartos.
O asunto non é cuestionar as relacións privadas do Presidente. O que queremos saber é o rédito que puido sacar Dorado -ollo, que é diñeiro público-, e o beneficio que puido obter o Partido Popular, se é que obtivo tal.

Permanezan atentos ós xornais e informativos, porque co pasar das semanas seguiremos tendo noticias. Polo de agora, o que podemos sospeitar é que unha presunta carreira de Feijóo en Madrid puido verse perxudicada, pero xa se sabe, a memoria de certa parte da sociedade é moi selectiva.


Un consello: revisade a privacidade das fotos no voso Facebook. Non vaia ser que vos pase algo semellante.


¡Saúde!.



viernes, 3 de mayo de 2013

O viaxe estelar de Esperanza Aguirre

Que di Esperancita, a esperanza da dereita conservadora e liberal, que que a xente nova emigre é un motivo de optimismo cun efecto moi positivo.
"Non vos confundades, choramos da felicidade que nos provoca emigrar"


Como sabedes os que nos escoitades -e os que non espero que o descubrades pronto-, unha das contas pendentes que temos no programa é a de comprimir nun .rar toda a actualidade dunha semana nunha hora de radio, cuspila en 57 minutos e que o resultado final sexa, cando menos, digno de contar e -o que é mais difícil-, digno de ser escoitado -de escoitar, non de coito-, o que moi poucas veces nunca ocorre. E non porque o resultado final sexa malo -ainda que hai de todo...-, se non porque a tarefa de resumir unha semana nunha hora é complicada, e un efecto inevitabel disto é que nos deixamos, de sete días que ten a semana, case catro no tinteiro...

Hai xente ó longo da vida que pasa e non volve, que pasa para quedarse, e outra que pasa, volve, marcha de novo, e se iso, xa nos veremos polos bares. Na política, como na vida mesma, hai persoeiros que pasan, non marchan, seguen aí, non os botas nin con auga quente, e outras que pasan, marchan, quedan, nisininonitodolocontrario, e din que marchan pero están, aínda que non queiras. Unha destas últimas é a dama de ferro española, a adalide conservadora, a que lle custa chegar a fin de mes, tan da terra chá que merca no Zara. A estas alturas do texto, moi seguramente adiviñariades de quen falamos, e non só polo título ou polas ligazóns. 

Pois nesas andabamos no último programa, cando nos vimos obrigados a ter que rexeitar contra a nosa vontade esta noticia, xa que a actualidade manda, e considerabamos que tiñamos máis de seis millóns de motivos para falar doutro tema moito máis importante. Porén, non queriamos deixar pasar a oportunidade de falar disto aínda que sexa pola verba escrita e non falada, pois, coma sempre, o que prima é o mensaxe máis que a canle, e que mellor que estrear un blogue radiofónico que con Esperanza Aguirre, que supoñemos que será como anunciar cafés con George Clooney, un reclamo infalibel.
Unha das cousas que ten, é que non cala. E quen non cala, acaba por cagala. Cun paro que supera o 50% na mocidade, moitos vense obrigados a coller as maletas e marchar, na maioría dos casos, contra a súa vontade. E "contra a súa vontade" significa obrigados, non porque non queiran traballar e fagan as maletas baixo ameaza, se non porque se ven obrigados a emigrar para traballar xa que o país no que viven non lles proporciona tal dereito.
Pois para Esperanza, que os nosos mozos emigren é superpositivo. Que non sabe por qué a xente se queixa. Que non entende por qué os mozos queren traballar aquí, co mundo que se lles abre logo dos Pirineos. Non seremos nós quen lle levemos a contraria á señora Aguirre. Por favor. É máis. Ate estamos de acordo en que viaxar e traballar fóra "enriquece" e abre mentes, mais no fondo, o importante está no matiz, na motivación de cada un para marchar. E a xente marcha obrigada pola situación e pola necesidade de traballar... vaia... como nos recorda iso ós tempos pasados. Bah... coincidencias.


O día que Esperancita quixo emigrar, pero tivo un problema co helicóptero.

O que temos claro é que se temos que emigrar é porque non valemos. Non como o fillo da Aguirre, que conseguiu traballo no Ministerio de Economía a dedo polo seu talento e valía. Os Aguirre, familia exemplar.

Así nos loce o pelo.